Sunday 05 de May de 2024

A Xunta adxudica 16 lotes por case 300.000 euros na segunda poxa pública electrónica de madeira celebrada na Coruña


Como novidade, esta poxa de madeira retransmitiuse en directo a través da internet

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, vén de adxudicar 16 lotes por case 300.000 euros na súa segunda poxa pública electrónica de madeira, celebrada esta semana na Coruña. Como novidade, o evento retransmitiuse en directo a través da internet.
En concreto, adxudicáronse por un importe global de 285.832 euros un total de 16 lotes que constaban de madeira verde en quenda de corta ou procedente de claras, maioritariamente de masas de piñeiro. Como no caso da primeira poxa electrónica de madeira que tivo lugar en Ourense o mes pasado, os licitadores puideron realizar todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final.
Así, esta nova plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) permite consultar os lotes de alleamento obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.
A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas .
Compromiso da Xunta
Con estas poxas electrónicas, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción de ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica.
Así mesmo, a iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.
Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back  better” BBB).